Monday 29 de April de 2024

O partido entre a Selección Galega e o AD Miño recada 3.325 euros para a rehabilitación da casa de Sombreu afectada por un incendio


● Ao encontro, que se disputou onte, martes 21 de novembro, no campo municipal de Gallamonde, asistiron máis de 400 persoas.

● A concelleira de Servizos Sociais, Yolanda Bello, e o vicepresidente da AD Miño, Alberto López, depositaron hoxe esta cantidade na conta aberta polo Concello para centralizar os donativos (ES58 2080 0087 7431 1000 0104).

● Durante o partido, que finalizou con resultado de 0-2 a favor do combinado autonómico, realizáronse sorteos e un intercambio de detalles entre as diferentes institucións.

O campo municipal de Gallamonde viviu onte, martes 21 de novembro, un día moi especial coa disputa dun amigable entre a AD Miño e a Selección Galega UEFA que serviu para recadar un total de 3.325 euros, entre entradas e rifas, para a rehabilitación da casa de Sombreu afectada por un incendio no outubro do ano 2022.

Hoxe, mércores 22 de novembro, a concelleira de Servizos Sociais, Yolanda Bello, e o vicepresidente da AD Miño, Alberto López Vázquez, depositaron esta cantidade na conta aberta polo Concello para centralizar os donativos (ES58 2080 0087 7431 1000 0104) e na que quen o desexe aínda pode seguir realizando achegas.

Esta recadación foi posible grazas ás máis de 400 persoas que presenciaron onte o partido entre a AD Miño e a Selección Galega, que finalizou cun resultado de 0-2 a favor do combinado autonómico. No descanso do encontro realizáronse os sorteos de diferentes produtos, entre os que se atopaba unha gran cesta de produtos e a camiseta da Selección Galega, e tamén levou a cabo un intercambio de detalles entre as institucións, no que participaron o alcalde de Miño, Manuel Vázquez Faraldo, o vicepresidente da Federación Galega de Fútbol, Pablo Prieto, o delegado federativo en Ferrol, Abraham Yáñez, e o vicepresidente da AD Miño, Alberto López Vázquez.

Manuel Vázquez Faraldo agradeceu “aos veciños e veciñas de Miño que estiveron onte en Gallamonde, e aos que non puideron ir pero mercaron entradas e rifas, a solidariedade que amosan, unha vez máis, con esta familia”. “Miño é un pobo unido, de boa xente, e isto é unha mostra máis”, afirmou.